13 28Psicología política del comportamiento de voto: la elección presidencial 2011 en Argentina 
Home Page  


Revista Psicologia Política

 ISSN 1519-549X

     

 

Novos elementos na psicoloxía política dos movementos sociais: a obriga moral e o contexto

 

New elements on the political psychology of social movements: moral obligation and context

 

Novos elementos na psicologia política dos movimentos Sociais: a obrigação moral e o contexto

 

Nouveaux éléments sur la psychologie politique des mouvements sociaux: l'obligation morale et le contexte

 

 

Xiana VilasI; José Mauel SabucedoII

IDoutora em Psicologia Social e pesquisadora do Grupo Psicologia Social, Cognitiva e Psicometria da pela Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, GA, Espanha. xiana.vilas@usc.es
IIPresidente da Sociedade Espanhola de Psicologia Social, professor catedrático da Falcudade de Psicologia da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, GA, Espanha. josemanuel.sabucedo@gmail.com

 

 


RESUMEN

Os movementos sociais son fenómenos que dinamizan as nosas sociedades e promoven o cambio social. Dende a psicoloxía política o achegamento a esta realidade caracterízase por intentar esclarecer os motivos psicosociais que promoven dita conduta. Nos últimos anos estamos asistindo ó desenvolvemento de propostas teóricas de grande interese neste campo. Con todo, estas aproximacións non conseguiron despoxarse do peso daquelas posicións máis instrumentais. Neste artigo estudamos elementos de interese para a análise da protesta que estiveron apartados do seu estudo durante moito tempo, como a obriga moral ou o contexto, e propoñemos a renovación doutros máis clásicos como a instrumentalidade. A obriga moral a participar refírese a un impulso interno de actuar de maneira congruente cos principios morais; por outra banda as variacións contextuais producen efectos relevantes no conxunto motivacional. Os novos modelos de acción colectiva deben ter en conta o papel dos principios morais e o contexto á hora de explicar a implicación do individuo na protesta, sen isto ter que supor restar racionalidade neste tipo de condutas.

Palabras clave: Acción colectiva, Eficacia, Instrumentalidade, Obriga moral, Contexto.


ABSTRACT

Social movements are phenomena that stimulate our societies and promote social change. Political psychology tries to clarify the psychosocial reasons that promote this behavior. In recent years we are witnessing the development of very interesting theoretical proposals in this field. However, these approaches have not thrown away the load of the most instrumental positions. In this article we study elements of interest for the analysis of the protest which were separated from their study for a long time: as moral obligation or context; and propose the renewal of the instrumentality element. The moral obligation to participate relates to an inner push to act in congruence with moral principles; on the other hand the contextual variations produce relevant effects on motivation. New models of collective action must take into account the role of moral principles and context when explaining the involvement of the individual in the protest, without having to assume that the rationality of this type of behavior to be reduce.

Keywords: Collective action, Efficacy, Instrumentality, Moral obligation, Context.


RESUMO

Os movimentos sociais são fenômenos que dinamizam as nossas sociedades e promovem a mudança social. Desde a psicologia política a abordagem a esta realidade caracteriza-se por tentar esclarecer as razões psicossociais que promovem essa conduta. Nos últimos anos, temos vindo a assistir ao desenvolvimento de propostas teóricas de grande interesse na área. No entanto, essas aproximações não conseguiram ultrapassar as posições mais instrumentais. Debruçamo-nos, neste artigo com elementos de interesse para a análise do protesto que tinham sido negligenciados durante muito tempo, como a obriga moral e o contexto; ao mesmo tempo, visamo-la renovação de elementos clássicos como a instrumentalidade. A obrigação moral de participar diz respeito a um impulso interno de agir em conformidade com os princípios morais; por sua vez, as variações contextuais produzem efeitos relevantes no conjunto motivacional. Os novos modelos de ação coletiva devem considerar o papel dos princípios morais e do contexto ao explicar o envolvimento do indivíduo no protesto, sem isto ter de supor a diminuição da racionalidade neste tipo de condutas.

Palavras-chave: Ação coletiva, Eficácia, Instrumentalidade, Obrigação moral, Contexto.


RÉSUMÉ

Les mouvements sociaux sont des phénomènes qui stimulent nos sociétés et promouvoir le changement social. La psychologie politique tente de clarifier les raisons psychosociales qui favorisent ce comportement. Au cours des dernières années, nous assistons à l'élaboration de propositions théoriques très intéressantes dans ce domaine. Cependant, ces approches ont pas jeté la charge des postes les plus instrumentales. Dans cet article, nous étudions les éléments d'intérêt pour l'analyse de la protestation qui ont été séparés de leur étude depuis longtemps : que l'obligation morale ou le contexte ; et proposer le renouvellement de l'élément de l'instrumentalité. L'obligation morale de participer concerne une poussée intérieure d'agir en concordance avec les principes moraux ; d'autre part les variations contextuelles produisant des effets sur la motivation. De nouveaux modèles d'action collective doivent prendre en compte le rôle des principes moraux et le contexte pour expliquer l'implication de l'individu dans la protestation, sans avoir à supposer que la rationalité de ce type de comportement est de réduire.

Mots clés: Action collective, L'efficacité, Instrumentalité, L'obligation morale, Le contexte.


 

 

"With the financial support from the Gailician Department of Culture, Education, and Universities, and the European Regional Development Fund of the European Union."

 

Introducción

Os movementos sociais son fenómenos que marcaron importantes fitos na historia da humanidade ó desafiar ás autoridades vixentes, ó establecer loitas de poder e ó promover o cambio social. Este tipo de accións políticas poden funcionar como axentes de influencia social que penetran na sociedade desafiando as interpretacións dominantes ou propoñendo un sentido común alternativo (Sabucedo, Grossi & Fernández, 1998); logrando ademais, en ocasións, situar determinados temas dentro da axenda política (Walgrave & Vliegenthart, 2012). A busca de influencia política e social segue a ser un obxectivo relevante neste tipo de acontecementos, alén diso estanse a converter en potentes vehículos de expresión da cidadanía. Palabras de distinta índole posibilitaron a expresión de desexos e aclamacións colectivas ó longo da historia, empregadas como símbolos de diferentes ideas: "Sous les paves, la plage" ("Debaixo dos adoquíns, a praia") "Nunca Máis","No meu nome NON", "Outro mundo é posible" entre outras.

Mais lembremos que as mobilizacións non son sempre de carácter progresista, senón que grupos conservadores tamén poden optar por este tipo de participación política. Co tempo, os movementos sociais viñéronse conformando como vías de expresións propias de toda a cidadanía, lonxe de ser eido exclusivo de determinados sectores sociais. A evolución que a protesta ven sufrindo nos últimos tempos lévanos a falar do proceso de normalización da protesta.

 

O Proceso de Normalización da Protesta

Esta forma de participación política está adoptando un cariz cada vez máis normalizado (Etzioni, 1970; Jiménez, 2011; Van Aelst & Walgrave, 2001). En moitos países a protesta política converteuse nun repertorio de conduta habitual que a cidadanía emprega para demandar cambios políticos e sociais ou expresar a súa indignación (Meyer & Tarrow, 1998).

A normalización da protesta é un fenómeno que se xustifica por diversos aspectos: a heteroxeneidade dos actores, o descenso nos limiares desencadeantes da acción e a diversidade nos tipos de acción fronte ás formas clásicas de protesta.

A heteroxeneidade nos actores implica que cada vez máis cidadáns de diferentes sectores sociais opten por esta vía de acción política. Isto é, as probabilidades de que un cidadá e outro véxanse implicados na protesta son cada vez máis semellantes, a esta característica da mobilización actual denominase normalisation of protester (Van Aelst & Walgrave, 2001), é dicir, a normalización do manifestante. Antano mobilizábanse principalmente, os homes, con tendencia política de esquerdas e con altos niveis de estudos. Porén, na actualidade estas diferenzas estanse a disipar e calquera cidadán pode optar por este tipo de acción política con independencia do seu sector social (Jiménez, 2011).

Diferentes autores (Jiménez, 2011; Walgrave & Verhulst, 2004) sosteñen que se están a diminuír os limiares para que se de a protesta, o que quere dicir, que o acceso a este tipo de eventos é cada vez máis doado para a cidadanía. Alén disto estas prácticas considéranse un síntoma de saúde democrática, posto que fan ó cidadán partícipe da vida política, dotan de voz e poder á cidadanía, e revitalizan o funcionamento da democracia (Walgrave & Verhulst, 2004; Walgrave & Vliegenthart, 2012). Por exemplo en España, un dos países con maior número de mobilizacións sociais en Europa (Stoop, Jowell & Mohler, 2002), o número de manifestacións nos últimos tempos foi considerablemente alto. Segundo a prensa española no 2011 rexistráronse cerca de 24.000 (Caballero, 2012) e no 2012 calcúlase que houbo máis de 39.000 manifestacións; incremento que en parte poder ser explicado polo endurecemento da situación económica do país e as políticas de recorte.

Ademais destes aspectos, na actualidade estamos a ser testemuñas dunha difusión nos repertorios de acción da protesta. Coa noción de repertorio político asúmese que os cidadáns adquiren un conxunto de comportamentos necesario para responder ás demandas políticas e sociais de cada época. Algunhas prácticas que en épocas anteriores considerábanse como atípicas e esporádicas poden pasar a ser comúns e habituais co tempo. De tal maneira que na actualidade encontrámonos cun amplo e diverso elenco de formas de participación política, acompañadas de novas formas de organización e estrutura. As mobilizacións sociais xa non se reducen unicamente a manifestacións e folgas como antes, senón que conviven con outro tipo de repertorios, como as sentadas, acampadas, ocupacións, etc. Algúns exemplos destas novas formas de movementos recentes en todo o mundo son: a toma das prazas polos indignados en España ou as protestas Occupy Wall Street. Ademais disto hai un feito incuestionable na actualidade que é a ampla diversidade de movementos, a nivel de organización, de membros e obxectivos.

Como vemos, estas prácticas son cada vez máis frecuentes, mais non sempre foron ben toleradas, nin polas elites gobernantes, nin tampouco polos científicos sociais que consideraron a protesta colectiva como unha forma de comportamento desviado. Dende logo, foi a vontade dos nosos antepasados e dos científicos sociais por se desmarcar das visións pexorativas dominantes, o que conseguiu marcar unha nova senda na consideración dos movementos sociais como unha forma común de protesta.

De feito, a importancia da incidencia da mobilización na vida política e social fai que actualmente este tipo de fenómenos atraia a atención de científicos de diferentes disciplinas como a socioloxía, a psicoloxía política ou a antropoloxía. O crecente interese sobre a mobilización vese reflectido na emerxencia de estudos sobre este tema nas últimas décadas (Van Zomeren, Postmes & Spears, 2008). Sen embargo, a pesar dos avances acadados nos últimos anos aínda quedan interrogantes por resolver dos que daremos conta neste traballo.

O noso obxectivo, polo tanto, é propor novos elementos a ter en conta no estudo da protesta política e revisar o papel daqueles motivos considerados máis clásicos. Inicialmente imos sinalar brevemente os aspectos psicosociais máis destacados nas aproximacións teóricas dende o marco da psicoloxía política, para logo propor novos elementos necesarios; que serán postos en relación ó contexto socio-político.

 

Teorías Clásicas Sobre a Protesta

Para comprender a situación actual da psicoloxía política é preciso facer unha breve referencia ó que aconteceu no pasado. A tese de Le Bon (1896) consideraba a acción colectiva como unha desviación do comportamento, pois para el eran propias dunha conduta de tipo patolóxico que a través do contaxio emocional implicaba a multitude no devir das masas. Esta visión negativa da masa estivo presente durante moito tempo.

Coas teorías da privación relativa o foco de interese oriéntase cara os motivos psicolóxicos da participación. Estas teorías defenden que cando as persoas perciben grandes diferenzas entre o que teñen e o que deberían ter séntense frustradas, e como consecuencia canalizarían esta frustración a través da acción social (Ruciman, 1966). O descontento viría, polo tanto, da avaliación que as persoas fan da situación do seu grupo en relación ós seus grupos de referencia; cando consideran que teñen menos do que esperan, aparece o descontento. Ó xurdir a mobilización da frustración e o descontento estas teorías non lograron desfacerse da visión pexorativa deste comportamento.

Non é até a teoría de mobilización de recursos que se destaca a racionalidade destes comportamentos ó facer referencia a aspectos máis obxectivos. Estas teorías restan importancia ós aspectos psicolóxicos resaltados polas teorías anteriores, como o descontento, e destacan as variables obxectivas tales como a organización, os recursos, as oportunidades e as estratexias (McAdam, McCarthy & Zald, 1996/1999; Oberschall, 1973). A idea de recurso abarca elementos materiais (traballo, ingresos, bens materias, servizos) e non materiais (autoridade, liderado, amizades). Alén desta formulación sociolóxica que fai énfase principalmente nas características estruturais e organizacionais, este enfoque reformulase posteriormente nunha versión máis psicolóxica. Esta versión fai fincapé na toma de decisións individual como froito dun proceso racional baseándose nas teorías económicas de custesbeneficios de Olson (1965). Trátase, xa que logo, de resaltar o carácter distintivo da acción política como acción calculada e planeada. A expectativa de logro, isto é a eficacia percibida, será o elemento fundamental que vai motivar ás persoas a tomar parte na protesta (Klandermans, 1984).

Estas posturas supuxeron un importante avance á hora de despoxarse das visións negativas que carrexaban as distintas aproximacións dende as teorías da masa de Le Bon, permitindo así a aparición de ópticas innovadoras e racionais. Mais a pesares de conseguir desfacerse desta visión negativa, estas posicións foron vistas posteriormente como excesivamente mecanicistas, utilitaristas e racionalistas (Turain, 1985); e supuxeron un freo á utilización de variables emocionais, de tipo identitario ou moral. Por outro lado tamén se lles acusou de ser modelos de centrarse só no cómo e non ocuparse do porqué da aparición dos movementos (Melucci, 1985). Os feitos sociais non teñen sentido fóra dun determinado marco interpretativo, incluso os incentivos e as expectativas de éxito necesariamente implican unha interpretación.

 

Enfoques Psicosociais: a construción social da protesta e os marcos de acción colectiva

A realidade social non é fixa, nin obxectiva, senón que se constrúe a partir da interacción dos discursos. Hai que recoñecer que a influencia social prodúcese a partires dun continuo diálogo entre forzas de diferente calibre. Como os sistemas sociais non son absolutos, cobran relevancia as confrontacións e negociacións entre diferentes axentes sociais para establecer un determinado status quo. O papel dos movementos sociais nestas confrontacións son fundamentais para construír unha visión alternativa da realidade (Sabucedo, e col., 1998). Discursos que antes eran marxinais, como o feminismo ou o ecoloxismo foron incorporados como preocupacións compartidas nas sociedades actuais.

Neste proceso é especialmente importante como percibimos a realidade, por exemplo, o relevante non é o feito de que existan inxustizas, senón que se perciban como tales (Sabucedo, 1996). Os enfoques psicosociais poñen en relacións os aspectos psicolóxicos e sociais, partindo da idea de que as percepcións sobre o mundo en que vivimos van ser fundamentais.

 

Construción Social da Protesta

Klandermans (1992) elabora unha nova teoría que salienta a importancia da atribución de significados e das definicións compartidas que facemos da realidade en que vivimos para motivar a acción social. Este marco teórico, denominado a construción social da protesta, destaca a relevancia dos procesos que interveñen na definición e interpretación da situación na que se encontra o grupo. Isto é, vai existir un problema nunha comunidade na medida en que é definido como tal polos propios membros, se non se identifica o problema, este non vai formar parte da súa realidade. Ou dito doutra maneira, "as accións de protesta responden a un proceso de definicións colectivas e non a unha realidade externa e obxectiva" (Sabucedo 1996:118). A diferenza destas interpretacións coas posturas clásicas de privación relativa reside na idea de que, dende o construcionismo social, recoñécense as cognicións e emocións que desencadean a protesta como aspectos naturais da vida cotiá e non como patolóxicos.

 

Marcos de Acción Colectiva

Gamson (1992) conxuga aspectos tanto cognitivos e emocionais como sociais e culturais, o que dotará á súa teoría un carácter integrador sobre a realidade da mobilización. Gamson retoma a idea dos marcos de Goffman (1974), e define un marco de acción colectiva como un conxunto de crenzas e valores que orientan e lexitiman a acción dun movemento social. Desta maneira, defende que é preciso centrarse nos procesos de interacción social, pois os procesos de negociación de significados van supor un importante precedente para a mobilización. Este autor propón tres marcos de acción colectiva que propician a protesta política: o marco de inxustiza, o de identidade e o de eficacia.

O marco de inxustiza sería a primeira condición para que se desencadee a acción, a situación na que se encontre o grupo debe ser definida como inxusta de tal forma que se estimule a necesidade de corrixila. Gamson considera que esta compoñente é unha "hot cognition", unha cognición cargada de emoción, este marco presenta dous compoñentes: un cognitivo, a percepción dos agravios e outro emocional, a ira.

En canto á variable emocional é necesario mencionar que Gamson é dos primeiros autores en incluír este tipo de variables no estudo dos movementos sociais, despois de moitos anos de ser condenadas a un longo letargo. A ira é a emoción que expresan os suxeitos cando responsabilizan a algún axente externo das condicións adversas nas que se atopa o grupo. En palabras de Gamson "pon lume na alma e ferro no estómago" (Gamson, 1992:32). Así, a ira vai motivar e dirixir a acción cara os axentes externos considerados os culpables das situacións adversas.

Outra das compoñente presentadas é a de identidade, que fai referencia ao sentimento de identificación mutua entre os que comparten un mesmo sentido de inxustiza. Cando isto acontece xorde o "nosoutros", unha conciencia de pertencer a un mesmo grupo, fronte a un "eles" (autoridades, grupos de poder ou adversarios) ós que se consideran responsables da situación de inxustiza que se padece. Esta compoñente ven da teoría da identidade social de Tajfel eTurner (1979) onde se destaca a relevancia da identidade no comportamento social. A identidade colectiva implica definicións e significados compartidos, así como metas e campos de acción comúns. De feito, as organizacións mobilizadoras van ter que facer fronte ó forte individualismo das sociedades occidentais actuais nas que de forma implícita se estimula que os individuos actúen por si mesmos e non colectivamente (Pinto, 2009; Duncan & College, 2012).

A variable de eficacia, e o outro elemento proposto por Gamson e refírese á crenza de que é posible alterar as condicións políticas e sociais adversas nas que se ve inmerso o grupo. Dende esta perspectiva vese esencial a crenza de que as situacións non son inmutables e que a nosa intervención pode alterar o curso dos acontecementos. Esta eficacia é ademais colectiva porque está en relación coa percepción que un ten do poder que posúe o grupo.

Esta teoría deixou un importante legado xa que as aproximacións recentes acolleron as variables de ira, inxustiza, eficacia e identidade. Estas son xa consideradas as variables psicosociais clásicas da protesta política, dado que foron amosando a súa relevancia empírica ó longo de diversos estudios (Van Zomeren e col., 2008). Os modelos actuais retoman estas variables e propoñen certos aspecto renovados. Por exemplo, atopouse que a identidade politizada (Simon & Klandermans, 2001) é unha das fontes motivadoras máis importantes. Este tipo de identidade require unha conciencia social e política da situación grupal e posúe un alto poder motivador. Aparecen, así mesmo diferentes modelos duais que destacan a relevancia duns elementos sobre outros. No seu modelo dual Stürmer e Simon (2004) consideran como elementos fundamentais e independentes, a identidade e a eficacia. Así mesmo Van Zomeren, Spears e Fisher, (2004) tamén propoñen un modelo dual e resaltan especialmente o papel da ira e da eficacia como vías independentes de acción. Por outra banda Van Stekeleburg, Klandermans e Van Dijk (2009) ademais de ter en conta estes elementos, introducen a ideoloxía e consideran que o funcionamento de cada un deles depende do contexto que rodea a mobilización.

 

Revisión da Instrumentalidade

Como vimos, despois da teoría de mobilización de recursos xurdiron outras teorías que incorporaban novas variables psicosociais (Gamson, 1992; Stürmer & Simon, 2004; Van Zomeren e col. 2008; Van Zomeren e col. 2004). Mais, a pesares dos intentos de superar a perspectiva instrumental que se impuxera a finais dos anos 80, a noción de eficacia permanece no fondo destas teorías. Por un lado é importante considerar que estas teorías conseguiron apartar a mirada cara outras fontes, pero non lograron despoxarse do peso das visións máis racionalistas e instrumentais.

En oposición ás teorías de custes-beneficios onde se ponderan as consecuencias de cada conduta, cabe preguntarse: que acontece cando nos atopamos ante dúas alternativas moi semellantes? Como se explicaría o comportamento humano cando este actúa baixo impulsos, intuicións ou heurísticos? Se o individuo actúa baixo as emocións, está a actuar de forma irracional? Este tipos de cuestións son moi difíciles de responder dende as teorías máis racionalistas (Schwartz, 1977). A escasa atención ás emocións son un claro exemplo das tendencias racionalistas da época, pois foron durante moito tempo relegadas ó esquecemento por seren consideradas irracionais. Mais un mundo ausente de emocións non ten sentido, sen elas non hai nada bonito, prezado e admirado que poida causar un acto humano (Goodwin, Jasper & Polleta, 2000) e isto non ten porque levar a considerar a conduta emocional como irracional.

Para Beaudoux (1999) a instrumentalidade non é a única posibilidade de pensamento racional. As decisións non se corresponden con exhaustivos cálculos custes-beneficios, senón que o razoamento pode facerse por outros medios, mediante heurísticos e en base a cuestións sociais ou morais. Tal e como esta autora argumenta unha decisión racional significa que non é azarosa, e que forma un patrón coherente baseado en distincións plenas de significado. Así, as decisións son racionais porque se vinculan con valores subxacentes e crenzas que se conxugan coa información que o individuo atopa no seu medio. Para Morales (2007) urxe igualmente axustar o concepto de racional, onde teñan cabida os aspectos culturais e contextuais á hora de xulgar as condutas. Un observador pode considerar irracional decisións que poden ser racionais no contexto da persoa. Para este autor os seres humanos adoptan estratexias adaptativas que lles permiten manter relacións satisfactorias cos demais, así como responder racionalmente ás demandas do seu entorno. A mera redución da racionalidade a unha lóxica instrumental é insuficiente para abordar a complexidade do comportamento humano. Sabucedo, Durán e Alzate (2010) sobre este temática opinan que a identificación grupal, por exemplo, pode levar ó individuo a emprender accións fóra dunha lóxica consecuencialista, en aras da cohesión grupal e do benestar do grupo e do propio suxeito; polo que o comportamento en base a cálculos matemáticos non é a única posibilidade racional de comportamento.

 

Novos Elementos da Protesta

As propostas mencionadas en parágrafos anteriores sobre a mobilización social proporcionaron achegas moi valiosas neste campo. Mais a pesares dos grandes esforzos e os consecuentes avances que se produciron, estas teorías deixaron certos interrogantes sen resolver na súa formulación. O predominio do paradigma instrumental dificultou unha visión sobre a mobilización política en ausencia de expectativas de éxito, relegando ás emocións e ós principios morais a planos totalmente secundarios, e sen ter en conta o contexto onde acontecía. Neste apartado centrarémonos en novos elementos esenciais a ter en conta na protesta: o papel motivador da obriga moral a participar e a relevancia do contexto.

 

Obriga Moral

O noso enfoque (Vilas & Sabucedo, 2012) defende que a implicación do individuo na acción colectiva pode darse grazas a activación da obriga moral, en ausencia de pretensións instrumentais. A obriga moral é un impulso interno de actuar congruentemente cos principios morais. Entendemos así que as actuacións baixo unha orientación deontolóxica virán motivadas por sentimentos de obriga moral. O individuo precisa comportarse baixo unha coherencia persoal que o leva a actuar conforme as súas prescricións morais, especialmente se estas son relevantes para el e víronse atacadas. Jasper (1998), por exemplo, declara que a moralidade é a noción clave para motivar a participación en actividades de alto risco. A omisión da conduta, de feito, pode producir un custe aínda maior: a deslealdade ós principios persoais. Neste caso prodúcese unha disonancia, que se pode arranxar con accións compensatorias ou cambiando o noso sistema de valores posto que este fallou (Festinger, 1957; Rawls, 1999). Os seres humanos tentan evitar este fenómeno de disonancia polo que en moitas ocasións prefiren actuar conforme ós seus principios morais aínda que os custes sexan altos.

Estudos recentes dende outras disciplinas como a neurociencia, avalan as nosas teses de que os individuos poden actuar fora da lóxica instrumental baseándose nos seus principios. Knoch, Pascual-Leone, Meyer e Fehr (2006) amosaron nun experimento como o individuo pode actuar racionalmente sen ter como obxectivo fins materiais. Este traballo demostra a existencia de mecanismos neurolóxicos que interveñen cando os individuos renuncian ós seus intereses preferindo actuar de forma coherente ós seus principios. Outros traballos tamén xustifican tales posturas, como o de Tanner, Medin e Ileiv (2008) que encontraron que en ocasións as persoas centrábanse máis nas preocupacións morais que nas consecuencias das accións, seguindo unha orientación deontolóxica e non tanto consecuencialista.

Así mesmo Skitka (2005, 2010) considera que unha importante guía da conduta é o mandato moral que nos indica o que está ben e o que está mal. Esta autora asume que os individuos actúan en función do seu sistema central de valores, sobre todo cando algún deles foi violado. Se a conduta en defensa dos valores non acontece verase atacada a autenticidade moral da persoa. É nestas ocasións cando os beneficios ou recompensas materiais deixan de ter relevancia e emerxe o imperativo da moralidade.

Polo anterior entendemos que este comportamento descrito non se atopa fóra dos lindes da racionalidade. Ó igual que actuar baixo os efectos das emocións, non podemos dicir que actuar conforme ós nosos principios morais sexa actuar irracionalmente. Hai que ter en conta que non pretendemos dende aquí cuestionar a relevancia da instrumentalidade, que foi demostrada en repetidas ocasións. O que queremos dicir son dúas cousas. Primeiro que a obriga moral pode ter, en ocasións, unha forza motivacional maior que a instrumentalidade. E segundo, que actuar desa maneira non resta ningunha racionalidade a este comportamento, salvo que a racionalidade sexa entendida como un mero cálculo de custes e beneficios.

 

Contexto

Aínda buscando as formas máis puras, a conduta humana nunca se da nun baldeiro contextual, o ser humano é un ser social (Sabucedo & Alzate, 2005). Por desgraza, dentro da literatura da mobilización social son escasos os estudos que incorporan elementos do contexto para relacionalos cos motivos de participación, ver como excepción (Van Stekelenburg e col., 2009). As relacións que acontecen entre os individuos, os grupos e o entorno danse dentro dun enramado social, histórico e político; polo tanto as diferentes dinámicas onde se dan estas interaccións van modular a natureza da conduta. Hai que ter en conta que non se pode falar do contexto como unha entelequia allea ó individuo, pois o acompaña a cada momento e as interaccións entre a persoa e o seu ambiente danse en sentido bidireccional. Así como as situacións onde se atopan os individuos van condicionar o seu comportamento, estes tamén interfiren na esfera social e se converten en axentes de acción. Un exemplo ben ilustrativo desta forma de incidencia é precisamente a mobilización social que en moitas ocasións persegue producir cambios nas sociedades.

Partindo da idea de que as características socio-estruturais dunha nación e o seu sistema político, así como o contexto máis próximo da mobilización van producir impactos nos motivos de participación; cremos necesaria a consideración destes elementos nos estudos sobre a protesta. Tanto o contexto de mobilización máis específico, como o clima político nun momento determinado, poden funcionar como elementos contextuais útiles para comprender a implicación dos participantes.

Van Stekelenburg e col. (2009) distinguen entre dous tipos de contexto a ter en conta. O contexto máis inmediato sería o de mobilización e fai referencia á estrutura organizacional do movemento, ás demandas de protesta da cidadanía e ó abastecemento da infraestrutura mobilizadora (Klandermans, 2004). Este tipo de contexto máis próximo contempla tamén o tema concreto da mobilización. Van Stekelenburg e col. (2009) tomando a distinción empregada por Turner e Killiam (1957) atoparon que o contexto de mobilización pode determinar que motivos se activan en cada caso. Por exemplo, en manifestacións máis orientada ós valores (value-oriented protest), a eficacia percibida xoga un papel pouco relevante, e cobra relevancia a ideoloxía; mentres que naquelas mobilizacións máis orientadas ó poder (power-oriented protest) a eficacia sería o motivo máis importante. Como vemos, o contexto de mobilización danos información clave para coñecer os motivos de participación implicados.

O outro tipo de contexto sería o contexto socio-político, un contexto máis amplo, e fai alusión ó clima socio-político do momento, ás tensións entre as partes implicadas ou ó signo político do partido que está no poder. Tamén hai que ter en conta os aspectos culturais e históricos, posto que poden igualmente estar influíndo nos motivos de participación. Considerar estes aspectos pode revelarnos, por exemplo, a existencia dunha percepción de eficacia a longo prazo, que albergaría intencionalidades políticas, como pode ser a de debilitar o goberno que está no poder (Klandermans, 2009).

 

Conclusións

O estudo das razóns que levan ós individuos a involucrarse en movementos sociais axúdanos a delimitar o seu espazo nas sociedades modernas. Estes motivos poden ser de distinta índole, mais lembremos que partindo da psicoloxía política consideramos que os individuos son os encargados de dotar de significados ós elementos que os rodea, sendo fundamental a maneira de percibir o mundo e de interpretalo. O noso interese recae, xa que logo, nas variables psicosociais. Neste traballo conxugamos así, os elementos individuais e os aspectos sociais que toman transcendencia nas mobilizacións. No entanto, os factores históricos, culturais e políticos adquiren a súa relevancia á hora de ter conta o contexto onde se da a protesta.

Unha das principais inquedanzas deste traballo é a de entender porqué a cidadanía implícase na protesta política. Isto demanda a posta en cuestión de certos elementos que gozaban dunha posición privilexiada nas teorías psicosociais precedentes. Enfoques anteriores crían que a eficacia da acción constituía un motivo indispensable para a mobilización. Ben que a eficacia amosou ter en repetidas ocasións un importante poder explicativo, os modelos teóricos actuais comezan a asumir que a complexidade da acción colectiva require ter en consideración outras variables ademais daquela, como a identidade, a ira, a ideoloxía ou a obriga moral. Na actualidade, por exemplo, podemos atopar mobilizacións que levan como lema "Non no meu nome" que suxire matices menos instrumentais que outras que pretenden ser máis efectivas como por exemplo "non o decretazo contra o Galego" ou "paremos a reforma laboral". No caso das mobilizacións en contra da guerra de Iraq, cando a guerra era xa inminente e a súa paralización era practicamente imposible, a xente decidiu saír igualmente ás rúas para demostrar o seu rexeitamento a tal acontecemento. Neste caso a función da protesta sería máis ben expresiva que instrumental.

Nestes exemplos podemos constatar como o tema concreto da mobilización pode influír no tipo de motivos que están detrás da participación. Xa mencionamos que as condutas non acontecen nun escampado contextual (Sabucedo & Alzate, 2005), resulta imposible entender o comportamento humano sen facer referencia ó contexto en que se produce. Cando estamos a falar de protesta política esta alusión faise aínda máis necesaria. A mobilización social adoita ser especialmente sensible ó contexto socio-político, polo tanto é preciso facer fincapé no escenario político en que está tendo lugar. Como vimos, as variacións contextuais poden desvelarnos claves para entender a participación política que nun principio poderiamos estar obviando.

Ademais da necesidade de ter en conta as circunstancias que rodean a protesta, é importante destacar que hai elementos que poden estar motivando a acción que foron obviados durante tempo como é a obriga moral a participar. Nos defendemos que a obriga moral é un impulso interno de actuar de modo congruente cuns principios. Esta coherencia que o individuo pretende establecer entre as normas persoais e a conduta pode realizarse con fins de protección do self, para non danar a auto-avaliación ou a imaxe persoal. Neste sentido podemos ver que este elemento alberga aspectos emocionais positivos; como a satisfacción persoal ó actuar conforme a uns principios morais. Canto máis central é a moralidade para a identidade persoal, máis probable que un actúe en consecuencia. Un vivo exemplo deste comportamento é a conduta altruísta, onde os sentimentos de obriga moral son xerados en situacións particulares debido á activación da estrutura cognitiva de normas e valores. É preciso resaltar que na realización da conduta moral non se procura unha recompensa material ou social senón que se debe a unha motivación interna. Isto quere dicir que a conduta de axuda levaríase a cabo aínda que non tivese ningún recoñecemento social. Entendemos pois que o ser humano pode actuar de forma plenamente altruísta e solidaria, comportándose en base a esa dignidade humana que en ocasións pode sentirse ameazada.

Esta volta á sensibilidade moral entra en congruencia coa evolución das sociedades modernas post-industriais. A perda de referentes nun mundo individualista en exceso produce que a sociedade actual experimente un retorno á moral para dirimir a desorientación que a mesma produce (Lipovetsky, 2002). Da mesma maneira, Bandura argumenta que os excesos de individualismo están xerando un rexurdir de esforzos para restaurar o sentido de comunidade e responsabilidade social (2002). Esta obriga moral é persoal, porén o enramado social vai ser fundamental para o seu funcionamento, posto que é un impulso interno de actuar en colectividade a favor de ideais comúns e compartidos.

 

Desafíos Para o Futuro

Neste traballo fixemos un pequeno avance no campo da psicoloxía política dos movementos sociais, mais quedan aínda cuestións por resolver que deben ser contempladas en futuros estudos.

Por exemplo en canto ó tema da eficacia, é preciso seguir indagando na súa conceptualización. A actual forma de entender a eficacia como a percepción de producir cambios inmediatos antóllase insuficiente á complexa realidade deste elemento. Hornsey e cols. (2006) atacan esta problemática propondo outras posibles interpretacións para este termo, e destacan igualmente a necesidade que sexa ampliado, posto que a concepción actual é moi estrita e reducida. Sería interesante investigar se os intereses políticos a longo prazo poden estar influíndo na motivación dos individuos; aspecto que por outra banda estaría fortemente relacionado co clima socio-político do momento. Os intereses políticos, as cores do goberno, ou a esperanza de lograr cambios a longo prazo, poden conformar outras maneiras de entender a eficacia.

A parte dos estudos que nos axuden a delimitar conceptualmente a eficacia; hai outro aspecto de grande interese a ter en conta no futuro que recibiu un tratamento reducido e un tanto controvertido no ámbito da mobilización social. Estamos a falar das emocións. Nós consideramos que as emocións son unha compoñente esencial no terreo da participación política e do comportamento humano. Partimos da idea de que as emocións poden servir para intensificar a motivación de levar a cabo determinados actos. Por exemplo Jasper (1998) afirma que as emoción dotan á moralidade e á cognición a súa capacidade de motivar. A presenza das emocións nos estudos da protesta foi escasa, mais especialmente o papel das emocións positivas; por iso cremos necesario que se siga afondando no funcionamento das emocións tanto positivas como negativas.

Por outra banda, é esencial que se realicen estudios en diferentes contextos para determinar como inflúen as variacións contextuais sobre os motivos de participación. Faise igualmente indispensábel seguir afondando no papel da obriga moral e examinar máis en profundidade a conceptualización e medida desta nova variable.

Para concluir, podemos afirmar que a comprensión da acción colectiva require una nova concepción da persoa, unha concepción onde se contemple o papel da obriga moral e se teña en conta o contexto onde está inmersa. Ter en conta os elementos cognitivos e emocionais, así como os contextuais e morais, vainos proporcionar un achegamento máis fiel á realidade dos movementos sociais.

 

REFERÊNCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Bandura, Albert. (2002). Social cognitive theory in cultural context. Applied Psychology: An International Review, 51,269-290.         [ Links ]

Beaudoux, Virginia. (1999). Racionalidad y procesos de toma de decisión de los actores políticos: Una alternativa a la aproximación de la elección personal. Em Graciela A. M. Botello (Ed.), Psicología política del nuevo siglo. Una ventana a la ciudadanía (pp. 515-528). México: Somepso.         [ Links ]

Caballero, Andreu (2012, 27 de Junio). En España se celebraron 23.248 manifestaciones solo en 2011. Acessado em: 19 de xaneiro de 2013, de: <http://www.vozbcn.com/2012/06/27/118695/2011-peticiones-manifestaciones-espana/>         [ Links ].

Duncan, Lauren E., & College, Smith. (2012). The psychology of collective action. In kay Deaux., & Mark Snyder (Eds.), Oxford handbook of personality and social psychology (pp. 754-781). New York: Oxford University Press.         [ Links ]

Etzioni, Amitai. (1970). Demonstration democracy. New York: Gordon & Breach.         [ Links ]

Festinger, Leon. (1957). A theory of cognitive dissonance. Stanford: Stanford University Press.         [ Links ]

Gamson, William A. (1992). Talking politics. Cambridge: Cambridge University Press.         [ Links ]

Goffman, Erving. (1974). Frame analysis. An essay on the organization of experience. Boston, MA: Northeastern University Press.         [ Links ]

Hornsey, Mathetew J., Blackwood, Leda., Louis, Winnifred., Fielding, Kelly., Mavor, Ken., Morton, Thomas., & White, Katherine M. (2006). Why do people engage in collective action? Revisiting the role of perceived effectiveness. Journal of Applied Social Psychology, 36,1701-1722.         [ Links ]

Jimenez, Manuel. (2011). La normalización de la protesta. El caso de las manifestaciones en España (1980-2008). Catálogo de Publicaciones de la Administración General del Estado (n. 70). Madrid: Centro de Investigaciones Sociológicas.         [ Links ]

Klandermans, Bert. (1984). Mobilization and participation: social-psychological explanations of resource mobilization theory. American Sociological Review, 49,583-600.         [ Links ]

Klandermans, Bert. (1992). The social construction of protest and multiorganizational fields. In Aldon Morris., & Carol Mueller, (Eds.), The Frontiers in Social Movements Theory (pp. 77-103). New Haven: Yale University Press.         [ Links ]

Klandermans, Bert. (2004). The demand and supply of participation: social-psychological correlates of participation in social movements. Em David A. Snow, Sarah A. Soule., & Hanspeter Kriesi (Eds.), The Blackwell companion to social movements (pp. 360-379). Oxford: Blackwell Publishing.         [ Links ]

Klandermans, Bert. (2009). Peace demonstrations or anti-government marches? The political attitudes of the protesters. Em Stefaan Walgrave., & Dieter Rucht (Eds.), Protest Politics. Antiwar mobilization in advanced industrial democracies (pp. 98-118). Minneapolis: University of Minnesota Press.         [ Links ]

Knoch, Daria., Pascual-leon, Álvaro., Meyer, Kaspar., Treyer, Valerie., & Fehr, Ernst. (2006). Diminishing reciprocal fairness by disrupting the right prefrontal cortex. Science, 314,828-832.         [ Links ]

Le Bon, Gustave. (1896). Psicología de las masas. Madrid: Editorial Morata.         [ Links ]

Lipovestsky, Gilles. (2002). Metamorfosis de la cultura liberal. Ética, medios de comunicación, empresa. Barcelona: Anagrama.         [ Links ]

McAdam, Doug., McCarthy, John., & Zald, Mayer N. (1999-1996). Movimientos Sociales: Perspectivas Comparadas. Madrid: Istmo.         [ Links ]

Melucci, Alberto. (1985). The Symbolic Challenge of Contemporary Movements. Social Research, 52,789-816.         [ Links ]

Meyer, David & Tarrow, Sidney. (1998). The social movement society: Contentious politics for a new century. Boulder, CO: Rowman & Littlefield.         [ Links ]

Morales, José Francisco (2007). Psicología y Racionalidad. Discurso de Ingreso Real Academia de Doctores de España. Madrid. Acessado em: 16 de janeiro 2013, de <http://www.jfranciscomorales.es/PsicologiayRacionalidad.pdf>         [ Links ].

Oberchall, Anthony. (1973). Social conflict and Social Movements. New Jersey: Englewood Cliffs, Prentice Hall.         [ Links ]

Olson, Mancur. (1965). The Logic of Collective Action: Public Goods and the Theory of Groups. Cambridge Massachusset: Harvard University Press.         [ Links ]

Pinto, Raquel M. (2009). Los movimientos sociales y los marcos de acción colectiva que apoyan a la lucha contra la precariedad laboral. Tese de doutoramento non publicada. Madrid: Universidad Complutense de Madrid.         [ Links ]

Rawls, John. (1999). The Law of Peoples. MA: Harvard University Press.         [ Links ]

Runciman, Walter. (1966). Relative Deprivation and Social Justice. London, UK: Routledge and Kegan Paul.         [ Links ]

Sabucedo, José Manuel. (1996). Psicología política. Madrid: Síntesis.         [ Links ]

Sabucedo, José Manuel., & Alzate, Mónica. (2005). Conflicto Terrorismo y Cultura de Paz. En Amalio Blanco, Rafael del Águila., & José M. Sabucedo (Eds.), Madrid 11-M. Un análisis del Mal y sus Consecuencias (pp. 221-253). España: Trotta.         [ Links ]

Sabucedo, José Manuel., Durán, Mar., & Alzate, Mónica. (2010). Identidad colectiva movilizada. Revista de psicología social, 25,189-202.         [ Links ]

Sabucedo, José Manuel., Grossi, Javier., & Fernandez, Concepción. (1998). Los movimientos sociales y la creación de un sentido común alternativo. En Benjamín Tejerina., & Pedro Ibarra (Eds.), Los movimientos sociales. Transformaciones políticas y cambio cultural. Madrid: Editorial Trota.         [ Links ]

Schwartz, Shalom H. (1977). Normative influences on altruism. En Leonard Berkowitz (Ed.), Advances in Experimental Social Psychology (pp. 221-279). New York: Academic Press.         [ Links ]

Simon, Bernd., & Klandermans, Bert. (2001). Politicized Collective Identity: A Social Psychological Analysis. American Psychologist European Review of Social Psychology, 56,319-331.         [ Links ]

Skitka, Linda J., Bauman, Cristopher W., & Sargis, Edward G. (2005). Moral Conviction: Another Contribution to Attitude Strength or Something More? Journal of Personality and Social Psychology, 88,895-917.         [ Links ]

Skitka, Linda J. (2010). The Psychology of Moral Conviction. Social and Personality Psychology Compass, 4,267-281.         [ Links ]

Stoop, Ineke., Jowell, Roger., & Mohler, Peter. (2002). The European Social Survey: One Survey in two Dozen Countries. International Conference on Improving Surveys, Copenhagen (pp. 25-28).         [ Links ]

Stürmer, Stefan., & Simon, Bernd. (2004). Collective action: Towards a dual pathway model. European Review of Social Psychology, 15,59-99.         [ Links ]

Tajfel, Henri., & Turner, John. (1979). An integrative theory of inter_group conflict. Em William G. Austin., & Stephen Worchel (Eds.), The social psychology of inter_group relations (pp. 33-47). Monterey: CA: Brooks/Cole.         [ Links ]

Tanner, Carmen., Medin, Douglas L., & Iliev, Rumen. (2008). Influence of deontological versus consequentialist orientations on act choices and framing effects: When principles are more important than consequences. European Journal of Social Psychology, 38,757-769.         [ Links ]

Turain, Alain. (1985). An introduction to the study of social movements. Social Research, 52,749-787.         [ Links ]

Turner, Ralph H., & Killian, Lewis M. (1957). Collective Behaviour. Englewood Cliffs, NJ: Prentice Hall (2º edic. 1972, 3º edic. 1987).         [ Links ]

Van Aelst, Peter., & Walgrave, Stefaan. (2001) "Who is that (wo)man in the street? From the normalisation of protest to the normalisation of the protester. European Journal of Political Research, 39,461-486.         [ Links ]

Van Stekelenburg, Jacquelien., Klandermans, Bert., & Van Dijk, Wilco. (2009). Context matters: Explaining how and why mobilizing context influences motivational dynamics. Journal of Social Issues, 65,815-838.         [ Links ]

Van Zomeren, Martijn., Postmes, Tom., & Spears, Russell. (2008). Toward an integrative social identity model of collective action: A quantitative research synthesis of three sociopsychological perspectives. Psychological Bulletin, 134,504-535.         [ Links ]

Van Zomeren, Martijn., Spears, Rusell., & Fisher, Agneta. (2004). Put your money where your mouth is! Explaining collective action tendencies through group-based anger and group efficacy. Journal of Personality and Social Psychology, 87,649-664.         [ Links ]

Vilas, Xiana., & Sabucedo, José Manuel. (2012). Moral obligation: A forgotten dimension in the analysis of collective action. Revista de Psicología Social, 27,369-375.         [ Links ]

Walgrave, Stefaan., & Verhulst, Joris. (2004). Internal diversity of protest. A Comparative study of anti-Iraqi-war protest. Paper prepared for delivery at the APSA conference, September 2-5, 2004, Chicago.         [ Links ]

Walgrave, Stefaan., & Vliegenthart, Rens. (2012). The Complex Agenda-Setting Power of Protest: Demonstrations, Media, Parliament, Government, and Legislation in Belgium, 1993-2000. Mobilization: An international Quartely, 17,129-156.         [ Links ]

 

 

Recebido em 12/10/2013
Aceito em 16/11/2013